Luísa Villalta. A poesía en que salvarse
Sara Pérez Peral
Luísa Villalta nace na Coruña, unha Cidade (para ela, en maiúscula) que leva ao centro da súa obra e da que xa nunca se arreda. Inseparable do seu violino, co que chega ao grao de maior profesionalidade na música, encontra na literatura e na docencia unha ventá perfecta para tentar cambiar o mundo.
Faino como a artista multixenérica que é dende a poesía, a narrativa, o ensaio, o teatro ou as traducións, pero tamén dende as aulas, onde pousa o seu amor e respecto pola lingua e cultura galegas e mais o feminismo. Compromiso, sensibilidade, xenerosidade e perfeccionismo son as pegadas
que deixa na súa curta actividade, lonxe do divismo ou dos booms editoriais e sempre dispoñible para as causas colectivas. «A poesía só é necesario que se lea, e non que se venda», dicía. Á Luísa que se presenta nestas páxinas gustaríalle que as súas palabras voasen máis alá dos libros, que non deixasen a ninguén indiferente, que espertasen os sentidos de quen as le e que fosen semente do futuro.